Asaja Galicia demanda nuevas pólizas de la comisión territorial de seguros agrarios

Xóvenes Agricultores-Asaja Galicia demanda unha rebaixa no seguro de cobertura dos gastos derivados da retirada e destrucción de animais bovinos mortos na explotación, que equipare o prezo unitario da prima pagado en Galicia ó doutras comunidades autónomas como Cataluña ou Castela e León. Así o transmitiu a nosa organización na xuntanza da Comisión Territorial de Seguros Agrarios, na que participaron representantes da Consellería de Política Agroalimentaria, Ministerio de Agricultura, compañías de seguros, Entidade Nacional de Seguros Agrarios (ENESA) e organizacións agrarias.

Despois dun ano de experiencia deste seguro, dende Xóvenes Agricultores estímase que chegou o momento de rebaixa-lo custo desta póliza de seguro, poñéndoa a un nivel acorde co momento actual, no que xa se teñen perfectametne definidas as rotas de transporte e, en consecuencia, se teñen diminuído os custos por este concepto. Neste sentido, un prezo unitario por animal de 150 euros sería o máis axeitado.

O seguro de retirada e destrucción dos animais bovinos mortos na explotación ten unha enorme trascendencia en Galicia. Así, no ano 2002, subscribíronse 44.837 pólizas desta liña, que deron cobertura a 936.134 animais. Durante esta mesma campaña producíronse 45.469 sinistros e fixéronse efectivas indemnizacións por un importe de 5.340.080 euros.

Na xuntanza, a nosa organización tamén reclamou cambios nalgunhas das liñas de seguro existentes. En particular, pediuse que se equiparen as indemnizacións polos tenreiros mortos ó pouco de nacer, con independencia de que se trate de vacún de carne ou de leite. Posto que a morte dos tenreiros queda amparada polo seguro que cobre á propia vaca, non existen razóns para esta diferenciación entre carne e leite.

En 2002, os gandeiros galegos subscribiron 3.376 pólizas das liñas de Explotación de Vacún e Explotación de Vacún en Cebo, que incluían a 164.425 animais. Neste ano rexistráronse 13.812 sinistros e pagáronse indemnizacións por 4.780.049 euros.

Na xuntanza, que serviu para analiza-lo plan de seguros para o trienio 2004-2006, Xóvenes Agricultores demandou novas liñas de protección. En particular, reclamouse un seguro que cubra a incidencia dos períodos de choiva nas produccións forraxeiras. Neste sentido, púxose como exemplo o caso daqueles gandeiros que, á hora de elabora-los silos e pola choiva caída nos días escollidos para tal fin, perden a colleita de forraxe e, ademais, non poden planta-la seguinte colleita. Neste campo, a nosa organización pide que se apliquen criterios semellantes ós que, por exemplo, se teñen en conta en Estremadura coa seca.

Outra das solicitudes de ASAJA Galicia é a dun seguro que cubra aquelas continxencias que, nun momento concreto, poden incidir na calidade do leite e, en consecuencia, que impidan a entrega do mesmo ás industrias lácteas. Deste xeito indemnizaríase ó gandeiro polo leite non entregado e, se é preciso, pola súa destrucción.

Finalmente, os representantes de Xóvenes Agricultores pedíronlle ó Ministerio de Agricultura e a ENESA que aceleren a posta en marcha do Seguro de Ingresos en Pataca, actualmente nunha fase piloto, e esixiron que este sexa de plena aplicación en Galicia e, en particular, en zonas como A Limia, que veñen reclamando esta póliza dende hai tempo.

Asaja

Deja una respuesta